Redondela estrea “San Simón”, o filme da historia das vítimas

Proxectarase no auditorio da Xunqueira mañá ás 18.00 horas. As entradas poden recollerse de balde no multiúsos

Miguel Ángel Delgado conversa con Digna Rivas, alcaldesa de Redondela.
Miguel Ángel Delgado conversa con Digna Rivas, alcaldesa de Redondela.

A película “San Simón”, rodada o ano pasado na illa, chega hoxe ás salas comerciais. O filme, no que participan actores e figurantes redondeláns, tamén poderá verse este domingo no auditorio da Xunqueira ás 18.00 horas. Na estrea en Redondela participarán o director, Miguel Ángel Delgado, e os actores Tatán, Ana Fontenla, Andrés Giráldez, Miguel Borines e Roberto Casal.

A longametraxe conta o que aconteceu en San Simón durante os sete anos en que foi campo de concentración fascista, desde 1936 ata 1943. A alcaldesa, Digna Rivas, pon de relevo a importancia de que a historia das vítimas, que durante décadas foi silenciada, sexa coñecida polo público. “A arte, neste caso o cine, é tamén un xeito de render homenaxe ás vítimas e dar a coñecer o que aconteceu na illa de San Simón: o sufrimento, a opresión, e tamén a dignidade dos homes e mulleres que loitaron pola xustiza e a igualdade”.

O público que desexe asistir ao pase en Redondela pode retirar de balde as entradas no Multiúsos da Xunqueira o propio domingo, día 26, a partir das 16.00 horas. Ao final da proxección celebrarase un coloquio coa participación do director, actores, e representantes de asociacións redondelás como o Colectivo Republicano e o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy.

A película “San Simón”, na que colabora o Concello de Redondela, celebrou a súa estrea mundial no Festival de San Sebastián o pasado mes de setembro, logo foi premiada no Ourense Film Festival, e recentemente participou na Mostra de Cine Internacional de Sao Paulo.

Contenido patrocinado

stats