Previsión, agarimo, un pouco de sorte e 300 drons

O Celta planeou en verán unha homenaxe con moitas incertidumes e un gran resultado

Iago Aspas e a súa dona seguen o espectáculo de drons dende o centro do campo.
Iago Aspas e a súa dona seguen o espectáculo de drons dende o centro do campo.

Todos os astros alinearonse na noite do xoves para que Iago Aspas recibise a homenaxe que o clube levaba meses preparando. Tras un partido con vitoria, con gol e 90 minutos do protagonista e co temporal deixando que o espectáculo de 300 drons, feito por unha empresa barcelonesa pero deseñado polo propio Celta, tinguise o ceo de cores e imaxes coas que debuxar a traxectoria, aínda inacabada, do astro moañés. O do xoves foi o seu último partido e a súa última homenaxe, mais abofé que non serán os derradeiros.

Todo comezou o pasado xuño, dando o departamento de marketing e comunicación do club reuniuse para programar os grandes fitos da seguinte tempada. E os 534 partidos era un dos senlleiros. “Neste inicio, íamos facendo contas cada vez que Iago xogaba. Pero xa dende o verán estaba decidido que ía ser un espectáculo con drons”, apunta o responsable desta área do Celta, Gael García. Poque convencía a idea e porque “era agora ou nunca”. A razón é que a normativa non permite voar estes artiluxios por riba de edificios ou de zonas onde poda haber xente. Por iso, o do xoves foi un evento, de momento, irrepetible: a falta da grada de Gol puña o fondo preciso, favorecido pola presenza -e o peche- das pistas de atletismo.

Coa decisión tomada, faltaba convencer á empresa de que non había unha data fixa. Todo dependía de moitos factores. “Temos a norma de que ningunha acción de marketing pode influir no devenir deportivo do equipo”, razoa Gael. E aclara que non se falou do caso co adestrador, Claudio Giráldez, aínda que non fose preciso. Houbo que facer unha aposta por facelo ante o Niza, o que tamén obrigou a convencer á UEFA, que é quen ten ó mando dos estadios nos días de partidos continentais, e ó operador televisivo, que recibiu a posibilidade de emitir a homenaxe con grande interese. “Estaban encantados e fixeron todo dun xeito moi respetuoso, sen cortes”, agradece o responsable celeste.

Coa empresa dos drons traballouse no guion e nas imaxes. “Tiñamos claro que fitos queriamos recoller pero atendendo a que eran dez como máximo e ás circunstancias de seguridade cos drons, que obrigaba a un xeito vertical dos debuxos. Por exemplo, pensouse na icónica celebración en Riazor cos brazos extendidos, pero así os aparello sobrevoarían as rúas xunto á pista de atletismo e non está permitido”, sinala Gael. E todo feito con “moito agarimo. Sáeche de dentro e é un honor para nós poder poñer o noso gran de area para honrar a Iago”.

Moitas cousas podían saír mal. Pero apostouse, con todos os permisos de aviación e policía precisos. “Incluso, houbo que situar ben as grúas da obra de Gol”, revela. No operativo, era perentorio que os drons se acendesen 45 minutos antes do momento do espectáculo, que tampouco tiña unha hora fixa, dado que dependía do árbitro e do xogo. E os aparellos voadores teñen unha batería limitada. Tantas cousas pudieron sair mal pero, ó final, todo saiu ben. "É certo que o tema da hora deu que falar pero pensamos que a oportunidade de facelo o mesmo día no que batía o récord compensaba", recoñece o directivo celeste. “No día do empate a 533, quixemos darlle o seu sitio merecido a Manolo. Pero o do 534 era o gran día de Iago”, engade. As bágoas de Iago -e de tantos-, na súa imaxe cos drons e na realidade, confirman o acerto.

Contenido patrocinado

stats