Daniel Salgado: “Queremos ampliar o noso centro para adaptarnos á realidade do audiovisual”

Novo director da Escola Superior de Arte Dramático

Entrevista a Daniel Salgado. | Atlántico

A Escola Superior de Arte Dramático comeza unha etapa de cambios –lexislativos pero tamén internos– cunha nova directiva tras catro anos de Roberto Relova como director. O novo dirixente da escola, Daniel Salgado, conversa en Atlántico TV sobre ditos cambios.

Como foi este ano a matriculación na ESAD?

Moi ben. Sempre tivemos cheo os dous grupos de interpretación, que suman 28 prazas, xa que por lei non pode haber máis. E por primeira vez temos un grupo moi numeroso de escenografía, que para nós é unha ledicia porque son uns estudios moi útiles e cunha empregabilidade moi alta. E en canto a dirección escénica e dramaturxia, a matrícula habitual. É esencial porque forma ás persoas que dirixirán e crearán proxectos e que escribirán textos teatrais e audiovisuais en Galicia.

Inician unha nova etapa cun novo equipo directivo. Que retos son os máis urxentes por acometer?

Os retos máis importantes son os que nacen do feito de que se aprobou unha lei de ensinanzas artísticas superiores no ano 2024 e iso obríganos a cambiar o noso estatus. Tense que reformar toda a normativa de ensinanzas artísticas superiores e iso vai facer que cambien todos os plans de estudo, os itinerarios, o estatus do profesorado... E vainos permitir facer másteres propios ás escolas. Iso implica un traballo moi duro de estar pendentes e colaborando coa Consellería de Educación para xerar toda a normativa autonómica a partir da que se aprobe no Congreso.

En que punto está a ESAD nesta mudanza?

Agora estamos á expectativa de que comece a xerarse a normativa en forma de Reales Decretos dende Madrid. Ata agora saíron moi poucos e están planificados uns 19 para os próximos anos. Nós estamos preparándonos para todo isto. Estamos impulsando un programa de formación permanente do profesorado que durará dous anos para idear e facer novas propostas para os novos plans de estudo. Para nós é un reto moi grande porque implica mobilizar a todo o profesorado neste traballo. Somos a única escola de Galicia, polo que ningúen máis ca nós pode colaborar nesa lexislación.

O Conservatorio Superior xa ten un máster propio. A ESAD seguirá ese mesmo camiño?

Xa barallamos algunha posibilidade, pero aínda non se valorou cal será a orientación do máster. Houbo conversas e ideas, pero depende tamén da configuración dos másteres a nivel estatal. En toda España só hai 15 escolas de arte dramático, polo que os másteres deben ser o suficientemente diferentes para que non haxa reduplicación. Se vemos que hai un nicho que Galicia pode ocupar, farémolo.

Comentaba que unha das prioridades desta nova etapa é o audiovisual. Que medidas plantexan neste sentido?

En primeiro lugar, insistir na necesidade que é moi urxente da ampliación do noso centro. Aínda non houbo ningunha concreción por parte de Consellería e nós estaremos aí traballando con eles para ver se tamén ven esa posibilidade de facelo. Houbo un período de crise no que a Consellería non tivo recursos para afrontar a reforma e ampliación do edificio. E cando estea, comezaremos a traballar para crear unha rama de audiovisual. É moi necesario porque hai que entender que boa parte dos elencos de cinema, televisión e teatro de toda Galicia nútrense da nosa escola. E a saída laboral do audiovisual é ás veces moito máis fructífera que a escénica. Non nos queda outra. Temos que crear platós, lugares para gravacións e ensaios que agora non temos.

Isto crearía sinerxias coas escolas de audiovisual da cidade.

Teremos que telas en conta tamén. Pero somos un centro pioneiro, unha referencia a nivel de ensino superior e temos que abandeirar esa formación. Non podemos deixar de lado a realidade do audiovisual.

Como ve de saúde á escea teatral galega?

Moi ben. Eu creo que nunca houbo tanta variedade e tanta calidade como agora. Nunca existiu unha época de proxección cara ao exterior coma esta. Compañías como Chévere e creadores como Marta Pazos e César Patiño son referencias. Temos unha escea moi rica e moitas veces non somos conscientes dela.

A ESAD está curando do episodio de acoso que finalmente rematou co caso arquivado. Como está o ambiente na escola e que se está facendo para mellorar nestes procesos?

Agora estamos facendo un traballo de reeducación e revisión de como damos clase e de como queremos que se nos trate como alumnos. Revisamos protocolos e maneiras de ensinar e crear. Estamos todas as escolas de España traballando nisto, porque este fenómeno de denuncias deuse na maior parte das escolas de España. Na maior parte delas non houbo un castigo penal, pero independientemente disto, o alumnado necesita que se lle trate doutros xeitos: máis sanos, máis igualitarios e máis inclusivos. Estamos inmersos nun proceso de formación dentro do centro para renovar a maneira de ser artistas. Moitas veces non se trata á xente co agarimo e o coidado que merece no mundo da arte.

Contenido patrocinado

stats