Coroación do rei Iago Aspas nos corazóns dos celestes
Iago Aspas viviu onte unha sentida homenaxe tras quedar en solitario como o futbolista con máis partidos do Celta (534) e o celtismo acompañouno
            O Rei anda por Galicia. Polo menos, unha das súas camisolas está por Goián. Naceu en Tres Corações, no estado de Minas Gerais, e faleceu hai uns anos, pero hai outro ‘Rei’ en Balaídos e onte quedou claro, absolutamente meridiano. Non naceu polo Brasil, pero si por outro lugar de fala herdeira do ‘galego-portugués’ medieval’. Algúns din que é o ‘Rei das bateas’, aínda que mellor dito é o ‘Rei do Lagares’. Soamente hai unha monarquía válida en Balaídos e que perdoe Edson Arantes do Nascimento ‘Pelé’. O venerado é a de Iago Aspas Juncal. Por iso no nacemento do partido ante o Niza pendurou un ‘tifo’ na bancada de Río coa súa figura.
Non obstante, o dianteiro aínda non anda para partidos de homenaxe. Está para protagonizar os momentos estelares dos encontros oficiais e así, ó minuto de partido, enviou un balón ó fondo da rede para engadir un elemento que non estaba escrito no guión da celebración, pero o xogador sabía como colaborar. Gol dende fóra do área para que os 20.631 espectadores que estiveron preto do cheo de Balaídos comezaran a cantar o de “Gol, Iago Aspas marca un gol…”. Marcou, marcou para a ledicia absoluta celeste. E os drons xa tiñan as baterías cargadas na pista de atletismo.
Os drons repasaban a súa carreira co xogador no campo e moitos afeccionados con bágoas
Pero é o Celta e se o fútbol ten tobogáns de ilusión, de sentimentos, aínda é un pouco máis para os seguidores dun equipo que non gaña sempre. Pouco a pouco, o nivel de decibelios baixou algo nas bancadas porque o Niza amosou fútbol, empatou e, en definitiva, xogou mellor do esperado por moitos. Así, a expulsión de Clauss deixou uns cantos aplausos e, sobre todo, alivio. O descanso serviu para retomar folgos para os xogadores e para os seareiros que apertaron dende a bancada con toda forza posible no asedio o equipo vigués ó Niza.
            Mais quedaba o acto, os drons, as bágoas, a mitificación oficial porque a da afección leva moito tempo no corazón. Apagáronse as luces e o xogador saíu cos seus fillos e a súa esposa ó campo. A voz comezou a narrar e os drons esbozaban con luces os momentos máis notables da carreira dende aquel cativo de Moaña que dixo o de “eu quero xogar no Celta dos maiores”, pasando polos goles da salvación contra o Alavés, da promesa de regreso a Europa tras caer nas semifinais da Europa League ou o regreso con ese gol en Xetafe. Remataron os drons cun contador que parou primeiro no 533 para poñer Manolo -que seguiu dende o palco a xornada- e rematar co 534 de Iago Aspas co nome enriba. Para sempre O Rei, que permanecía no centro do campo coa emoción e abrazado cos familiares, mentres os afeccionados asistiron a todo en silencio, con bastantes bágoas e, por suposto, despois aplaudiron e corearon con cánticos ó ídolo, estrela, mito, lenda: Iago Aspas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar