César Pazos: "Galicia ten unha historia épica á altura do Reino Unido"

Organizador das Xornadas Manoel Vello de Soutomaior

CÉSAR PAZOS
CÉSAR PAZOS

Historiadores e profesionais do audiovisual danse cita no castelo de Soutomaior para revisar e coñecer a historia de Galicia “contada por nós”, explica o impulsor e organizador da "Xornada Manoel Vello. A Historia de Galicia como motor cinematográfico", o escritor César Pazos. O obxectivo será "reconciliar a Galicia que lembra coa que crea" e inspirar proxectos en desenvolvemento, tanto a nivel literario coma cinematográfico.

-Como xorde esta iniciativa de reunir nun mesmo espazo historiadores e xente do mundo do cine?

Xorde dunha idea sinxela pero necesaria ; reconciliar a Galicia que lembra coa que crea. A Asociación Pro-Fundación Manuel Vello levaba tempo desexando tender pontes entre a historia e o audiovisual, e esta xornada nace precisamente dese impulso. Porque o que non se conta, pérdese. E Galicia ten milleiros de historias que agardan por ser contadas con dignidade, emoción e verdade. O encontro en Soutomaior é o primeiro paso dun camiño que busca converter a memoria nun motor cultural e económico.

-Hai xa algún proxecto de feitos históricos que se vaian levar ao cine ou a ser guión para unha serie?

Iso agardamos. Varios dos temas abordados na xornada están a inspirar proxectos en desenvolvemento, tanto a nivel literario coma cinematográfico. Historias como A batalla do Medulio, A Gran Guerra Irmandiña, O segredo de Cristóbal Colón, a chegada do cristianismo a Galicia, Prisciliano ou mesmo Rosalía de Castro, que tivo unha vida apaixoante e poderosa, teñen un potencial épico inmenso, atractivo e sorprendente para o mercado, xa que rompen esquemas preestablecidos. O percorrido literario, histórico e presente de Galicia parte desa mesma idea; dar voz universal ao espírito galaico que levamos dentro, conectar pasado e futuro e facer que o cine e a literatura falen a mesma linguaxe da emoción e da identidade. Queremos sorprender aos galegos e tamén a Occidente, porque Galicia ten unha historia épica á altura do Reino Unido. O obxectivo é que Galicia poida ter tamén as súas Braveheart, as súas Borgen, as súas The Crown ou mesmo a súa Invernalia de Xogo de Tronos, porque o que Invernalia representaba para os Sete Reinos, Galicia foi para o Califato musulmán na Península Ibérica. Mais desta vez, contado por nós, coa nosa industria, coa noas alma e coa nosa luz.

-Que agardan acadar con estas xornadas?

Agardamos abrir unha senda colectiva. Que historiadores, cineastas, escritores e produtores se recoñezan nun mesmo propósito: facer visible a Galicia. Tamén pescudaremos nas nosas debilidades como industria cinematográfica. Non buscamos só lembrar, senón activar un movemento cultural que transforme a nosa historia nunha fonte de creación e de futuro. A historia xa está escrita, pero o cine pode facela inesquecible.

Contenido patrocinado

stats